Estrutura do programa

O programa se estrutura arredor dos tres obxectivos xerais que articulan as 3 unidades didácticas, cadanseu obxectivo desenvolve unha serie de contidos a través de diferentes ámbitos de intervención.
Os contidos do programa refírense ós aspectos principais sobre os cales se vai incidir, sobre eles estrutúranse as distintas actividades que van traballa-los alumnos na aula e internet en cadanseu curso escolar. Ainda que os obxectivos xerais son os mesmos cada curso, os factores de risco/protección a traballar varían todos os anos coa finalidade de debilitar aqueles aspectos ou factores que desencadean conductas adictivas e fortalecer aqueloutros que o dificultan a súa aparición. Ditos contidos presentámolos en módulos, e son desenvolvidos cada un deles nunha unidade didáctica, de maneira que corresponden tres módulos por curso impartido. A unidade didáctica estructúrase en función do módulo seleccionado, as tarefas e as actividades que realizaran os alumnos van estar en función dos contidos do módulo ó que se dedica.

O programa “CINENSINO” utiliza os medios audiovisuais como soporte e con fins didáctico-preventivos ensinándolles ós alumnos actitudes e comportamentos máis saudables. Partindo das experiencias narradas na película, os medios audiovisuais convértense en ferramentas pedagóxicas e eixes dinamizadores dos contidos do programa. Para isto, desenvolvemos tres unidades didácticas para cada curso escolar, que se corresponden con cada unha das tres películas que se van proxectar. Cada unidade didáctica baséase e articúlase en función dunha película, tendo en conta que debe ser de recente aparición, susceptible de tratar algún dos temas que consideramos de interese nesa unidade e que sirva de punto de arranque para o traballo na aula. As unidades didácticas deben de ter un formato atractivo tanto no deseño como a maquetación para facilitar a participación do alumno, ser de fácil aplicación, ter un carácter secuencial para desenvolver todos e cada un dos aspectos preventivos a traballar, e deber de ter un compoñente lúdico-formativo utilizando linguaxe en clave positiva. Os argumentos a presentar aos adolescentes teñen que ver coa observación e análise de diferentes puntos de vista sobre un mesmo feito ou realidade, con situalos no lugar doutro e percibir as cousas dende esa outra perspectiva, con pensar e razoar suplantando o esquema mental doutra persoa, con desempeñar un determinado rol asignado e, finalmente, con aprender a solucionar problemas partindo dunha visión máis completa e variada dos feitos. Á súa vez, a unidade didáctica componse dun “Manual do profesorado” e un “Caderno do alumno”.

MANUAL DO PROFESORADO

Estrutúrase  como segue, unha primeira parte introdutoria referente á película visionada, a base teórica que substenta a unidade didáctica así como os obxectivos que se perseguen e as explicacións das actividades que deben realiza-los alumnos divididas por seccións temáticas e precedidas dunha explicación da actividade, os obxectivos propostos con esa actividade e as orientacións de aplicación. As orientacións pedagóxicas do manual definen estratexias para potenciar a autoestima, resolución de problemas, resistencia á presión, habilidades sociais e as actividades de lecer saudables, promovendo a autoavaliación e a conducta dirixida ao cambio. Para cada sesión aparece unha secuencia de execución na que se indican os pasos a seguir, os contidos informativos que deberá transmitir e os aspectos a destacar durante esa sesión. Por outra parte, o manual é unha proposta de traballo aberta, de maneira que é posible introducir modificacións a ampliacións se o profesor o considera oportuno.

CADERNO DO ALUMNO

No “Caderno do alumno” se presenta información, exercicios e actividades que deben ser realizadas polos alumnos, nalgúns casos de maneira individual e noutros en pequenos grupos. Algunhas delas precisan explicacións e encadramentos do profesor, outras se orientan á reflexión de forma lúdica por parte do propio alumno. O obxectivo do caderno é facilitar información de carácter preventivo, formar actitudes e provocar a reflexión favorecendo o sentido crítico fronte a publicidade, promovendo o debate e o traballo en grupos, adestrando en habilidades de vida e mostrando alternativas de lecer e deporte facilitadoras de novas experiencias.
Tanto o caderno do alumno como o manual do profesorado comezan cun comentario cinematográfico acerca da película visionada no que se analizan os aspectos máis interesantes (trama argumental, actores, director, época histórica, etc.) que introducen ao alumno na maxia do cinema e facilitan a extrapolación de situacións que se presentan na película á temática que nos interesa traballar en cada unidade didáctica.

MEDIOS AUDIOVISUAIS. O CINEMA COMO FERRAMENTA PREVENTIVA

É evidente que o cinema, é unha ferramenta privilexiada para lexitimar comportamentos. O cinema axuda a observar, non só vendo, tamén sentindo, fainos críticos e abertos a unha linguaxe máis global. Pode ser considerado como un medio de comunicación sen máis, como unha creación artística, como unha fonte de coñecemento, como unha alternativa de ocio e goce... pero tamén vemos nel unha maneira de ensinar ou de aprender actitudes e comportamentos máis saudables. Dende este punto de vista, o cinema é a nosa ferramenta preventiva na aula. A continuación imos mencionar algúns dos aspectos mais reseñables cara a prevención de conductas adictivas do cinema:

  • Grande acollida en nenos novos e adolescentes
  • Elemento de lecer na xuventude de carácter lúdico
  • Percibido como recompensa polo alumno
  • Ferramenta pedagóxica
  • Vehículo argumental
  • Elemento fundamental nos procesos de socialización
  • Transmisor de valores
  • Difusor de modelos de referencia
  • Manifestación artística, comunicativa e cultural
  • Re-presentación simbólica da realidade
  • Xera cambios a nivel emocional, cognitivo, actitudinal, conductual e social
  • Actúa como elemento motivador e de atracción
  • Permite a análise crítica de valores e contravalores
  • Lexitimador de condutas e percepcións da realidade
  • Produce efectos de modelado
  • Contén elementos formativos
  • Subministra un 'mapa' cultural para que poidamos interpretar o mundo

TECNOLOXÍA DA INFORMACIÓN E AS COMUNICACIÓNS (TIC)

Dende o programa Cinensino estamos convencidos de que a prevención escolar non pode manterse como un recurso didáctico convencional, é de necesidade que incorpore de xeito progresivo as súas propostas aos cambios cualitativos que se están producindo nesta era de dixitalización. A inclusión das TIC como medio de promoción da saúde e prevención dos trastornos aditivos e comportamentais debe acompañar aos materiais en soporte impreso e audiovisual. A utilización dos novos medios tecnolóxicos vannos permitir interactuar con todos os ámbitos relacionados co eido educativo (profesores, alumnos, grupo de iguais, familia, comunidade) no proceso de influír positivamente no desenvolvemento de estilos de vida saudables. Dende facilitar a incorporación dos centros escolares ao programa a través de inscricións vía internet, a implementar actividades nas redes sociais e comunidades virtuais que cumprimenten o traballo dos alumnos coas unidades didácticas, dende a utilización de internet e telefonía móbil para achegar información acerca dos trastornos aditivos ao alumnado ata ofertar ámbitos de comunicación comúns, titorías e cursos de formación ao profesorado e demais axentes preventivos a través de plataformas de teleformación.

INSCRICIÓN ELECTRÓNICA VÍA INTERNET

De cara a conseguir un proceso máis sinxelo e eficiente na inscrición dos centros escolares participantes, dende a web do programa, a persoa responsable da inscrición do centro escolar, pode inscribir ao seu centro sen necesidade papeleos ou chamadas telefónicas nun horario establecido. Do mesmo xeito pódense facer as inscricións no curso de formación do profesorado impartido a través de internet.

ACTIVIDADES NAS REDES SOCIAIS

A eclosión das redes sociais e o seu uso masivo entre adolescentes e mozos converteuse nun excelente vehículo para difundir información. Esta pode ser compartida por miles e miles de mozos e transmitida a unha velocidade insólita. Dende Cinensino decatámonos do poder destas canles de comunicación social e decidimos usalos para transmitir accións preventivas sobre o consumo de drogas coa a finalidade acadar un público máis amplo, tal e como se recolle no marco da Estratexia Nacional sobre Drogas 2009-2016. Conscientes da importancia de Internet como ferramenta para facer chegar propostas preventivas aos mozos é necesario comezar a empregar as redes sociais para difundir formación, información e estratexias de intervención, sobre todo as mensaxes relacionadas coa prevención do consumo de alcohol e outros trastornos aditivos e comportamentais. O emprego das novas tecnoloxías para prevención dende o ámbito escolar é unha "prioridade" dentro da estrutura do noso programa xa que nos permitirá coñecer o impacto das propostas do noso programa na poboación destinataria de xeito verificable e inmediato.

CURSO DE FORMACIÓN DO PROFESORADO ONLINE

O uso das novas tecnoloxías da información e as comunicacións, a través da internet, fai posible non só o acceso ás páxinas web, que nos serven de medios de traballo senón a unha inmensa fonte de información coa que tamén podemos ampliar diversos aspectos dos contidos e materiais do curso.
Este curso pretende ofrecer aos profesores que imparten o programa unha serie de coñecementos básicos sobre adiccións e drogodependencias, de maneira que poidan desenvolverse con soltura no tratamento desta problemática e servir como punto de referencia, sólido e fiable, ante as expectativas que poidan xurdir desde o alumnado. Os contidos do curso son seleccionados e desenvolvidos desde a perspectiva do alumnado de maneira que poidan responder ás súas necesidades e inquietudes, tanto formativas como informativas.

1
1

EL CORO

2

HERMANOS DEL VIENTO

3

WONDER

 


1
3

MUSTANG

 

3

EL PROFESOR DE VIOLÍN

3

GOODBYE BERLÍN